Saturday 04 de May de 2024

A Xunta destina 2,6M€ en axudas aos concellos da comarca da Coruña para financiar os seus servizos municipais


Estes fondos irán destinados á contratación de persoal, ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e ao desenvolvemento de programas de inclusión

A Xunta de Galicia concedeu aos concellos da comarca da Coruña axudas por valor de 2,6 millóns de euros para financiar os seus servizos municipais. En concreto, estas achegas están destinadas a financiar a contratación de persoal, ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e á posta en marcha de programas de inclusión.

A partida máis importante deste Plan Concertado irá destinada á contratación de persoal. En concreto, cofinanciase a contratación de 115 profesionais entre traballadores sociais, educadores sociais, auxiliares administrativos e outras categorías que forman parte dos servizos sociais comunitarios, grazas a unha axuda de 1,9 millóns de euros. Son 10 profesionais máis que no pasado exercicio.

O Plan Concertado serve para a apoiar ás corporacións municipais no desenvolvemento de programas de inclusión e o mantemento de centros de emerxencia social, así como para a posta en marcha de programas de inclusión. Este ano, destínase a este cometido nos concellos da área da Coruña un total de 285.000 euros.

Por último, a través deste plan a Xunta renova o seu financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico, ao que destina 440.000 euros para aquelas persoas que requiren especial atención.